En 2019 Galicia conta con 71 concellos sen bibliotecas.

Información
Noticia destacada de Galicia | 09 Agosto 2021 | 70 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

estadisticasbibliotecasO 31,08% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,95€ por habitante ás bibliotecas, 1,6€ menos que no conxunto do estado (10,55€)
Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2019, publicadas polo Ministerio de Cultura.
Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante. Os datos non son bos con respecto aos do conxunto do estado.


As análises feitas en anos anteriores, e que indican a nosa opinión ao respecto, poden verse nestes artigos publicados na nosa web.
Aspectos positivos: 
Un dos aspectos positivos que podemos sinalar, e que se repite desde hai anos, é o número de documentos por habitante que está por riba da media estatal e que xa temos sinalado que, aínda que maior, non ten porque ser un dato necesariamente bo e é necesario realizar unha avaliación da colección nas bibliotecas.
Nos orzamentos dedicados ás bibliotecas públicas teñen especial relevancia as axudas á adquisición de fondos bibliográficos que ten en marcha a administración autonómica: a subvención para a mellora das coleccións, a subvención para adquisición de novidades en lingua galega e o incremento de fondos en formato dixital. É especialmente relevante a potenciación dos formatos dixitais accesibles a través do portal GaliciaLe que durante os anos 2020 e 2021 redobrou esforzos para facer frente á gran demanda de préstamo de obras en formato dixital debido aos períodos de confinamento e de peche de servizos públicos. Porén, continuamos a botar en falta que haxa máis compromiso nas partidas dedicadas a bibliotecas nos concellos e nas Deputacións.
O segundo aspecto positivo é que continúa a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas que acada practicamente a totalidade das Bibliotecas Públicas, este dato ten especial relevancia no que se refire ao conxunto da poboación inscrita nas bibliotecas xa que no proceso de incorporación á rede corríxense erros e depúranse duplicados polo que a poboación inscrita descende desde hai anos situándose ao redor do 30% da poboación.
Aspectos negativos:
Novamente debemos facer fincapé na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos, nos que seguimos atopando casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais, recorrendo a persoal doutros servizos para cubrir os postos, persoal sen os coñecementos necesarios para levar a cabo unha boa xestión da información e documentación. Este punto acada maior importancia se temos en conta a incorporación da maior parte das bibliotecas pequenas, a unha ferramenta que precisa de cooperación e coordinación de todos as administracións implicadas para garantir un bo servizo aos usuarios. Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido. Temos que sinalar a perda continua de persoal bibliotecario que desde o ano 2015 descendeu en 74 persoas o que nos leva a contar con menos persoal por habitante, que se ve incrementado ano tras ano, mentres no estado o persoal atendido por bibliotecarios vai diminuíndo progresivamente en Galicia o número de persoas atendida vaise incrementado debido á falta de persal.
É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos en cada punto de servizo bibliotecario. Seguimos afirmando que non somos partidarios de pór en marcha medidas coercitivas desde a Xunta de Galicia, pero seguimos crendo tamén que a administración autonómica debe velar polo correcto desenvolvemento e xestión dos servizos bibliotecarios municipais, respectando a potestade organizativa dos concellos, pero primando sempre a prestación de servizos de calidade e premiando aqueles concellos que cumpran coa súa obriga de ofrecer servizos de calidade.
Os datos estatísticos, non só os que fan referencia ás bibliotecas, mais estes tamén, seguen a mostrar unha gran dispersión e perda de poboación, que dificulta que os concellos rurais, pequenos e despoboados, poidan prestar servizos de calidade. Con respecto ás situacións bibliotecarias por provincia só a da Coruña presta un bo servizo á súa poboación. A provincia de Pontevedra cae moitos puntos debido principalmente á precaria situación bibliotecaria do concello de Vigo, onde a cidade máis poboada do país é a que goza dunha pior situación bibliotecaria. Da mesma maneira as provincias máis despoboadas e avellentadas, Lugo e Ourense, están entre as últimas en servizos bibliotecarios por non poder os seus concellos, por si propios e sen axuda das deputacións, contar con servizos bibliotecarios.
Ante esta situación atopámonos ante outro ano que pasa sen que a Xunta de Galicia desenvolva a lexislación bibliotecaria aprobada hai 9 anos. É necesario desenvolver regulamentariamente a Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia, especialmente os aspectos organizativos, de cooperación e colaboración no funcionamento da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. É importante a implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles, e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello, para garantir o acceso de todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan, á información e á cultura de calidade. 
Resumo estatístico de Galicia 2019:

Datos Xerais: contamos con 242 bibliotecas públicas (4 máis que en 2018) que prestan os seus servizos en 330 puntos de atención bibliotecaria (4 máis que en 2019). 71 concellos en Galicia non dispoñen de ningún servizo bibliotecario (4 concellos máis con biblioteca con respecto a 2018).
No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,17 doc/hab., mentres que no estado a media é de 1,91. Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que se necesita unha Avaliación da colección.
No número de documentos adquiridos prodúcese un importante descenso con respecto ao ano anterior e Galicia sitúase entre as últimas comunidades autónomas por adquisicións por cada 1.000 habitantes. O número de documentos adquiridos foi de 61,83 doc., un descenso importante con respecto ao 2018 (109,26 doc./1000 hab.) que fai que Galicia sexa unha das últimas comunidades autónomas e por baixo da media estatal de 68,93 doc/1000 hab.
No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,92, mentres a media do estado foi de 2,25. (1,76 e 2,23 en 2018). Deste xeito, os datos apenas presentan un pequeno incremento que fai que nos vaiamos achegando lentamente á media estatal.
Só o 31,08% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no estado a media é de 35,69. (31,65 e 35,67 respetivamente en 2018). Apenas existen variacións a pesar de que continúa a integración das bibliotecas públicas municipais no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Pola evolución dos últimos anos estamos sempre en torno ao 30% da poboación inscrita, datos que se van estabilizando a medida que acaba a integración das bibliotecas municipais na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Seguimos prestando menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,76 mentres que no estado se prestou 0,96 doc./hab. (0,79 e 0,99 en 2018). Parece que a baixada é similar nos dous casos e pode ter a ver co indicado no primeiro punto de que se debe avaliar a colección para ver a súa pertinencia frente á demanda dos usuarios. Por outro lado están factores xa indicados en anteriores ocasións como dispersión da poboación, concellos sen servizos bibliotecarios… A pesar da baixada dos préstamos do estado en Galicia non conseguimos acurtar distancias coa media estatal.
As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 3,03 frente a 5,49 act/1.000 hab. (3,12 e 4,97 en 2018). increméntase a distancia coa media estatal ao producirse un importante incremento no dato estatal e unha baixada na media galega. A distancia é de case 2,5 puntos con respecto ao Estado.
Nos gastos correntes, dedicados ás bibliotecas públicas, en Galicia destináronse 8,95€/hab., mentres que no estado o gasto foi de 10,55€. (8,93 e 10,21 en 2018). Aumenta en ambos os dous casos e segue manténdose a diferenza negativa entre o gasto corrente en Galicia e o gasto corrente medio do Estado. A pesar do incremento de 2 céntimos en Galicia, (no estado foi de 34 céntimos por habitante), os orzamentos están lonxe aínda de acadar niveis previos á última crise económica e ao ano 2012.
En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.951 habitantes, mentres que no estado teñen 1 por cada 4.223 habitantes. (4.838 e 4.273 en 2018). Este é un dato especialmente negativo xa que aumenta a distancia con respecto á media estatal, e se temos en conta que a poboación galega continúa a diminuir, podemos concluír que descendeu en grande medida o número de persoal nas bibliotecas galegas. O descenso na poboación total debería supoñer unha baixada no número de habitantes atendidos por cada bibliotecario.
En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 558 traballadores en 2018 e 546 en 2019. 12 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida. En total desde o ano 2015 hai 74 persoas menos traballando nas bibliotecas públicas galegas.
Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… Concluímos coa reflexión indicada en anos anteriores, que nos leva de novo a demandar a importancia do papel dos concellos e a necesidade da colaboracións entre as diferentes administracións públicas. Na potenciación das bibliotecas públicas deben implicarse todas as administracións, non só a Xunta de Galicia e os concellos, senón tamén as deputacións provinciais que poden axudar aos concellos máis pequenos e con menos recursos a contar con servizos bibliotecarios adecuados e suficientes.


TAMBIÉN LE PUEDE INTERESARlineaazul 1600